O Concello de Viveiro organiza actividades para conmemorar as Letras Galegas os días 17, 18, 19 e 25 de maio

Este venres, 17 de maio, o Concello de Viveiro conmemorará o Día das Letras Galegas 2024 con múltiples actividades. En caso de choiva, todas elas celebraranse no Teatro Pastor Díaz.

Ás 12:00 será a interpretación do Himno de Galicia no balcón da Biblioteca Municipal, a cargo de David Bellas, artista e profesor do CMUS de Viveiro.

De seguido, na Praza Maior, será a quenda do baile tradicional a cargo dos grupos infantil e xuvenil de Bágoas da Terra. Ás 13:30 horas na Praza da Fontenova, "Música e libros", coa actuación do Coro Infantil do Colexio Lois Tobío de Viveiro e da Coral Polifónica Alborada de Viveiro.

As actividades continuarán o sábado 18 con "Como montar a túa banda de verán", de Xoán Curiel. Será ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal como parte do programa "Ler conta moito", de balde ata completar aforo. Reservas no teléfono 982.57.06.06. Ás 12:30 horas do sábado haberá pasacalles de música tradicional a cargo do grupo Amigos do Folk, en Covas. Ás 20:30 horas Migallas Teatro representará 'Falemos coma galegas' no Teatro Pastor Díaz.

O domingo 19 haberá pasacalles de música tradicional a cargo do grupo Espera que Vou Mexar a partir das 12:30 horas en Celeiro.

E o día 25, sábado, ás 12:00 na biblioteca municipal terá lugar un obradoiro arredor do libro para nen@s de 6 a 10 anos.