O Concello de Viveiro conmemora o Día do Libro, que se celebra cada ano o día 23 de abril, convidando de novo á veciñanza a participar no Concurso de Fotografía “Onde les ti?”.
A iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal de Viveiro, conta un ano máis coa colaboración do Centro comercial Casco Histórico de Viveiro. “Este concurso serve para visibilizar os diferentes hábitos para ler que temos as persoas lectoras, e, polo tanto, serve para promover a lectura entre a xente de todas as idades”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
O concurso ten por obxecto imaxes nas que apareza o recuncho preferido de cada participante para ler e nas que o libro ou o acto de ler sexan os protagonista. Poderán ir acompañadas dunha breve descrición se a persoa participante o considera preciso.
O prazo para o envío das fotografías comeza o propio día 23 de abril, martes, e finaliza o día 30. Establécense tres categorías de participación: infantil, ata 12 anos; xuvenil, entre 13 e 17 anos; e adulto, a partir de 18 anos.
Os premios serán un lote de libros cun valor de 60 euros e un lote de entradas para os Cines Viveiro cun valor estimado de 100 euros para cada categoría. Só se poderá presentar unha imaxe por persoa.
Unha vez recibidas as fotografías, o 2 de maio serán publicadas por categorías na páxina de programación cultural do Concello de Viveiro, onde a cidadanía poderá votar pola súa favorita ata o 6 de maio.
A foto que máis votos reciba en cada categoría será a gañadora. O día 8 de maio darase a coñecer que instantáneas resultaron premiadas, e se anunciará a data e o lugar do acto de entrega de premios.
Para participar, as fotografías deberán ser enviadas por correo electrónico ao enderezo da Biblioteca Municipal de Viveiro: biblioteca.viveiro@viveiro.es.