O Concello de Trabada organiza unha nova edición da ruta de tapas os días 11, 12 e 13 de abril

O Concello de Trabada anuncia a celebración do evento gastronómico Trabada Tapeo 2025, que terá lugar os días 11, 12 e 13 de abril. Esta iniciativa busca promover a hostalería local e dinamizar o municipio a través da gastronomía. Participan os  tres establecementos da localidade: A Taberna da Curuxeira, Mesón Camiño Norte e O Porfirio. Todas as tapas terán un prezo de 2,50  euros.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia deste evento para a economía local: "É un impulso para os nosos establecementos hostaleiros, ao tempo que converte o noso concello nun punto de encontro gastronómico. Queremos que tanto os veciños como os visitantes gocen da nosa riqueza culinaria e axuden a dinamizar a nosa vila".

O evento está organizado polo Concello de Trabada “dentro da súa aposta polo turismo e a promoción do sector servizos. Ademais, contará cun ambiente festivo que fará da fin de semana unha ocasión especial para gozar da boa gastronomía e da hospitalidade trabadense”.