Unha vez ao mes, a Casa da Cultura de Trabada acollerá unha obra de teatro
O Concello de Trabada anuncia o inicio dos Ciclos Teatrais Mensuais, que proporán unha representación teatral cada mes na Casa da Cultura. Deste modo, o primeiro sábado de cada mes, entre novembro e xuño de 2023, os veciños e veciñas poderán gozar dunha obra de teatro distinta.
“Dende o Concello damos continuidade a esta iniciativa cultural e confiamos no seu éxito, como xa pasou noutras edicións”, sinala Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada.
O programa comezará o próximo sábado 5 de novembro, coa obra “Tres” do grupo El Cioyo. Todas as representacións son gratuítas e comezarán ás 21:00 horas na Casa da Cultura.
En decembro será a quenda do grupo Axouxeres de Vilaronte, con “Cousas de Mulleres”, mentres que en xaneiro o colectivo Remocicarte representará “El Crédito”. En febreiro, a cidadanía poderá gozar de “O Covid do Mariñán”, do grupo O Bordelo de Cervo.
Para marzo proponse “O misterio da Vía Rexia”, de Lume escénico, mentres que en abril tocará “O Muro”, do grupo Trípode. A obra “Marina Club”, de A Adala de Farozouro, e “A morte Morrida”, do grupo O Centiño, pecharán o ciclo nos meses de maio e xuño respectivamente.