O Concello de Mondoñedo, a través da delegación de Turismo, reparte diferentes recursos informativos por varios establecementos hostaleiros da Mariña.
O Goberno local mindoniense proporciona, así, información directa a aquelas persoas que visiten restaurantes, hoteis ou casas de turismo rural de distintos puntos da comarca co obxectivo de“dar a coñecer os nosos recursos históricos, arquitectónicos, culturais, etnográficos e naturais”.Entre eles atópanse a Cova do Rei Cintolo, a Catedral de Mondoñedo, os obradoiros artesáns do barrio dos Muíños ou o roteiro Leiras Pulpeiro.
Polo momento, xa contan con esta nova información turística de Mondoñedo no restaurante Asador, Boavista, Louzao, El Millón, Nito e Hotel Ego; ademais de distintas casas de turismo rural da zona.
A alcaldesa, Elena Candia, recorda que “o Concello continúa así a potenciar o desenvolvemento turístico de Mondoñedo tralo seu recente ingreso na Asociación ‘Los pueblos más bonitos de España’. A nosa cidade foi recoñecida como unha das dúas vilas galegas mellor conservadas e cun patrimonio de recoñecido valor; polo que agardamos un incremento na afluencia turística”, engade.
Visitas guiadas gratuítas
O Concello facilita durante este verán visitas guiadas gratuítas ao casco histórico de Mondoñedo. As programadas para o que resta de mes de xullo desenvolveranse o luns 16, o mércores 18 e o venres 20 ás doce do mediodía e o luns 23, mércores 25 e venres 27, ás cinco da tarde.
Estas engádense ás visitas guiadas á cavidade máis grande de Galicia, a Cova do Rei Cintolo, que se veñen realizando a diario en tres horarios (ás doce do mediodía, ás cinco e ás seis e media da tarde). Neste caso, un espeleólogo da Federación Galega acompaña aos grupos participantes,dun mínimo de 4 persoas e dun máximo de 10, previamente equipados conluvas, casco, lanterna ou fundaque non supoñen ningún custo a maiores do prezo fixado para a visita, que é de 15 euros por persoa.
As reservas pódense concretar na Oficina Municipal de Turismo a través do teléfono 982 50 71 77 onde tamén se ofrece asesoramento sobre os outros moitos puntos de interese do municipio durante todo o ano en horario de dez da mañá a dúas do mediodía e dende as catro da tarde ás sete do serán.