A programación cultural de Nadal do Concello de Mondoñedo inclúe actividades diversas ata o día 5 de xaneiro.
Este domingo, día 8 de decembro, ás 12:00 horas haberá o espectáculo infantil Blippi y sus amigos, tributo musical no auditorio municipal.
O 15 de decembro ás 19:00 horas celebrarase na Catedral o evento musical II Panxoliñas no Camiño, coa Coral Polifónica de Ribadeo e a Coral da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo.
O xoves 19 decembro ás 12:00 horas haberá Ofrenda floral a Pascual Veiga e interpretación do Himno de Galicia polo seu 117 aniversario co alumnado dos CEIP Álvaro Cunqueiro, Escola Municipal de Música O Pallarego, CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso e CEIP As Forcades, de Corme. Será no panteón de Pascual Veiga, no cemiterio vello. E ás 20:30 horas, Concerto de Nadal da Escola Municipal de Música O Pallarego no auditorio municipal.
Para o venres 20 decembro ás 17:30 horas está programado un taller infantil de Nadal para pícaros de todas as idades no Circulo Recreativo Casino de Mondoñedo.
O sábado 21 decembro ás 12:00 horas terá lugar a entrega do XXV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, no salón de plenos da Casa Consistorial. Ás 13:00 horas haberá o Concerto de Panxoliñas Cantando ao Nadal, do Coro Mestre Pacheco, na praza do Concello. E ás 16:30 horas, Papanoelada Moteira con toro mecánico e chocolatada na praza da Catedral.
O 23 de decembro ás 17:00 horas haberá LudiNadal, con inchables, karaoke e tattos na Praza de Abastos. E ás 19:30 horas inaugurarase o Belén da Catedral e pregón a cargo de José Manuel Couce Fraguela.
Para o xoves 26 decembro ás 18:30 horas está prevista a entrega de premios do IX Concurso de Fotografía O Mellor Recuncho de Mondoñedo e a presentación do calendario 2025 do Concello de Mondoñedo, na Oficina de Turismo.
O venres 27 decembro ás 18:00 horas celebrarase a gala de Nadal de patinaxe no pavillón municipal do complexo deportivo Viñas da Veiga. Ás 20:00 horas, Concerto de Nadal co pianista e director Nicolás Ravelli, no Centro Cultural Santa Emilia. E pola noite será a Festa de Pre Fin de Ano no Círculo Recreativo Casino de Mondoñedo.
O 28 de decembro ás 12:00 horas terá lugar a entrega do XIII Premio de Poesía Leiras Pulpeiro no salón de plenos da Casa Consistorial. Ás 17:30 horas, visita do Apalpador polas rúas do centro. E ás 20:00 horas, representación da obra Pan con chocolate, do grupo de teatro Ollomao, no auditorio municipal.
Para o domingo 29 de decembro ás 12:30 horas está programado o espectáculo infantil A Árbore dos Desexos, de Pillaband. No auditorio municipal, onde ás 18:00 horas haberá o musical Voces da Paula no Nadal.
O día 30 de decembro ás 17:00 horas terá lugar un obradoiro creativo de elaboración de marionetas de Nadal, con Ton Arenas, na Praza de Abastos.
O martes 31 de decembro celebrarase o Fin de Ano: ás 11:30 horas haberá Prebadaladas infantís na praza da Catedral; e ás 23:59 horas, Badaladas da Paula na Catedral, con fogos artificiais.
Do xoves 2 ao sábado 4 de xaneiro terá lugar o III Campus de Nadal do Mondoñedo FC.
E o 5 de xaneiro haberá a Cabalgata dos Reis Magos: pola mañá as súas maxestades percorrerán as parroquias do municipio e pola tarde, as rúas do casco histórico. Ás 19 horas terá lugar a recepción no auditorio municipal.