O Goberno local e a cadea de restauración Galipizza, que acaba de cumprir 25 anos, chegaron a un acordo de colaboración para incorporar nas súas referencias, a partir deste xoves, produtos da Horta de Mondoñedo. En concreto, este xoves 21 de xuño haberá unha edición especial na que todos os Galipizza de Galicia incorporan ao seu ‘Xoves de tapeo’ dúas novas referencias con alimentos da Horta de Mondoñedo; unha hamburguesa e unha pizza.
Unha delas será unha pizza de segredo de porco con verduriñas da Horta de Mondoñedo; e outra unha Galizbur de vaca cachena con produtos da Horta de Mondoñedo. Esta oferta inclúe berenxena, calabacín, tomate e leituga.
A colaboración estenderase ao longo de todo o ano e Galipizza irá sumando os diferentes produtos da horta segundo a temporada. Tamén se valorará, en función da aceptación desta nova oferta gastronómica, a súa inclusión permanente na carta de Galipizza.
Estes produtos poderán degustarse nos restaurantes que a cadea lucense ten en Viveiro, Ribadeo, Culleredo, Santiago, Vigo e A Coruña.
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, agradece a boa disposición de Galipizza e a posibilidade que lle brinda á localidade de seguir promocionando e distribuíndo os seus produtos.