
O Concello de Foz vén de publicar as bases para inscribirse no IV Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo O Poto. As inscricións poderán facerse a través da sede electrónica municipal, onde existe un trámite específico para a mesma. As bases poderán consultarse no departamento de Cultura ou no taboleiro de anuncios da sede electrónica. O prazo para anotarse remata o día 5 de maio.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que o certame de teatro afeccionado “é unha cita xa consolidada en Foz, onde se xuntan actrices e actores afeccionados e un público amante do teatro. As datas do certame son no vindeiro mes de xuño: os días 6,7 e 8 e 13, 14 e 15, na Casa da Cultura”.
Inés López engade: “agardamos que coma nos últimos anos as compañías se animen a participar e facernos desfrutar ao público de Foz, que somos xa moi esixentes con eles tamén pero os grupos están superando as expectativas cada edición. Unha vez finalice o prazo de inscrición daremos a coñecer o cartel deste ano, no que poden participar grupos galegos pero tamén de calquera parte de España”.