O Concello de Foz organiza unha comida gratuíta para os maiores do municipio, que se celebrará o 17 de xuño. O prazo de inscrición está aberto.

O Concello de Foz organiza, a través da súa Concellería de Asuntos Sociais, unha comida para os maiores do municipio, que terá lugar o sábado 17 de xuño. A participación neste evento é gratuíta, pero os que queiran acudir deben retirar as tarxetas no centro social a partir de hoxe.

A concelleira de Asuntos Sociais de Foz, Mercedes González Alonso, explicou: “xa levábamos moito tempo con ganas de facer esta xuntanza. Nesta comida dos maiores queremos obsequialos cun día especial de convivencia no que agardamos que todos se sintan a gusto e que se divirtan. Terá lugar o día 17 de xuño, sábado, ás dúas da tarde na Sala Bahía. É para todos aqueles que teñan cumprido 65 anos e que estean empadroados no Concello de Foz”.

Mercedes González subliña que “a entrada é gratuíta pero previamente deberán retirar a tarxeta no centro social de Foz a partir de hoxe, día 5 de xuño. O aforo é limitado a 500 persoas e terán a entrada por orde de inscrición”.

A responsable de Asuntos Sociais no Concello de Foz convida aos maiores a participar neste encontro: “agardo vervos a todos alí”.

O menú estará composto por “entrantes (xamón, embutidos ibéricos, queixo manchego, calamares á romana e gambas en gabardina), tenreira con guarnición, postre, viño, auga café e chupito”.