A Sala Bahía, de Foz, acollerá este sábado, 15 de decembro, un obradoiro infantil e xuvenil de danza urbana e contemporánea, ás doce do mediodía, e un espectáculo de danza infantil ás 18:30 horas. Son actividades organizadas pola Delegación de Cultura do Concello focense.
O obradoiro de danza urbana e contemporánea e para rapaces e rapazas a partir de 9 anos de idade. Para participar hai que anotarse na Delegación de Cultura do Concello de Foz.
E o espectáculo de danza infantil que haberá na Sala Bahía a partir das 18:30 horas titúlase Gaia e corre a cargo de Entremans, de A Coruña, con coreografía e interpretación de Kirenia C. Martínez e Estefanía Gómez. Está dirixido a maiores de 3 anos e ten unha duración de 50 minutos. O prezo das entradas é de 1,5 euros para nenos e de 2,5 para adultos.
Cabalgata de Papá Noel
Por outra parte, o Concello de Foz anuncia que os nenos e nenas que queiran ir na carroza de Papá Noel durante a cabalgata que se celebrará o día 24 deste mes a partir das doce do mediodía deben anotarse na oficina de Cultura, situada na Casa do Concello, desde o vindeiro luns, día 17, ata rematar as prazas ou como prazo máximo ata o venres 21 ás 14:00 horas. E teñen que presentar unha autorización por escrito do seu pai, nai ou titor.