O Concello de Foz inaugura este venres, día 21, a exposición Detrais de muinheira de interior, sobre o videoclip gañador nos premios Mestre Mateo deste ano.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “a mostra conta con 15 fotografías nas que se ve a realización do videoclip que foi gravado en parte no edificio do CENIMA. Foron realizadas pola fotógrafa da Mariña Sabela Blanco. Tamén se poderá ver o premio conseguido pola obra. Para a realización deste traballo o director, Xaime Miranda, contou con múltiples artistas mariñáns, entre eles a focega Lucía Ramiro; e tamén a poboación local colaborou no vídeo, entre eles a agrupación cultural O Feitizo”.
A exposición poderá verse dende o venres 21 e ata final de mes no CENIMA en horario de 9 a 14 e de 18 a 20 horas.
Para amenizar a inauguración o grupo protagonista do vídeo, Boyanka Kostova, actuará na praza Conde de Fontao ás 21 horas.
Estes actos enmárcanse na primavera cultural que continúa programando o Concello de Foz. Así mesmo este xoves 20 a Sala Bahía contará con Inversa Teatro ás 20 horas coa obra Té con Kant; e xa para o xoves 27 ás 20 horas tamén a compañía Talía Teatro porá en escena a obra Vida de cans. Ámbolos dous actos requiren reserva previa no teléfono 982.140.027 extensión 3, e o prezo das entradas é de 5 euros.