A Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil, de Foz, organiza actividades desde o luns da vindeira semana para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o luns 24 o grupo teatral Migallas fará as delicias dos máis pequenos con Cantacontos. A función será no salón de actos da casa da cultura ás 19.00 horas e a entrada será gratuíta. O martes 25 comeza unha nova actividade para a difusión e mellora das habilidades con idiomas: o Café de Idiomas, que é para parolar nun ambiente distendido, no que estarán a disposición libros do idioma practicado, os espazos para facelo e as gañas de todos aqueles que queiran acudir. Está aberto a todos os niveis, sendo unha actividade colaborativa para practicar a fala. Os martes de 19.00 a 20.00 horas falamos en portugués e os mércores no mesmo horario falamos en inglés. Será no primeiro andar da Casa da Cultura. Parécenos moi interesante poder compartir coñecementos entre veciñ@s de forma sinxela; a biblioteca ten que ser un lugar que abra as súas portas a todos e no que todos nos sintamos a gusto”.
Inés López Couto engade que “o mércores 26 continúan as actividades para nenas e nenos. Neste caso o grupo Mircromina tráenos Lendas do Camiño Norte, en Foz centrado na Lenda do Bispo Santo. A partir das 17.00 horas realizarase un obradoiro de monicreques e ás 19.00 horas será a representación da función teatral con monicreques A rosa dos ventos. É unha actividade gratuíta e non require inscrición. Entre as novas actividades volve tamén a convocatoria do concurso de postais de Nadal, que este ano cumpre a súa XVIII edición. Coas categorías de infantil A (ata 6 anos), infantil B ( de 7 a 10 anos) e xuvenil (de 11 a 16 anos), contará cun prazo de presentación ata o 30 de novembro. As obras entregaranse na propia biblioteca e haberá premios para as mellores postais de cada categoría, sendo a gañadora a postal oficial do Concello de Foz neste ano 2022”.
A edil de Cultura indica tamén: “retómanse servizos coma o da Maleta Viaxeira, que permitirá a colectivos de Foz (centros escolares, residencia, asociacións …) solicitar un préstamo de ata 30 libros para difundir a lectura entre os seus membros. Outros servizos que ofrece a biblioteca son o préstamo intrabibliotecario, visitas escolares, actividades de dinamización da lectura, etcétera. En vindeiras datas anunciaranse novas actividades que se están a preparar e que queren dar a coñecer a Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil coma un centro social e de uso para todos os focegos e focegas e visitantes. Anímamos a todos aqueles que non probaran que entren xa, que a lectura engancha, e a todos aqueles que xa son asiduos que sigan acudindo. Seguiremos traballando para mellorar este servizo e seguir difundindo as nosas letras”.