O Concello de Foz celebrará o día de Rosalía de Castro cunha exposición, que se poderá visitar na biblioteca ata o 3 de marzo, e cunha lectura de poemas o 24 de febreiro.

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Foz ven a convidar a todos os veciños e veciñas e a cantos queiran, a celebrar á nosa poeta no 183 aniversario do seu nacemento. Dende 2019 o espazo profundo conta cunha estrela que tras a decisión da Unión Astronómica Internacional foi nomeada como Rosalía de Castro. Foi tras das xestións da Agrupación Astronómica Io da Coruña. Esta Asociación cedeu á Concellería de Normalización Lingüística de Foz dous paneis informativos que inclúen a localización da estrela e información da galaxia onde se atopa. Poderanse ver dende o vindeiro 10 de xaneiro  ata o 3 de marzo na Biblioteca Salgado Toimil. Celebraremos tamén deste xeito o Día Internacional da Lingua Materna proclamado pola UNESCO e que ven celebrándose todos os 21 de febreiro. Desde a Concellaría focense sinalan que “a nosa lingua está en franco perigo. A perda da transmisión lingüística interxeracional condena ao galego. Advírteo o Consello de Europa no seu informe de 2019.Dende Foz faremos o posible por revertir esta situación”. 
 
Para celebrar o día de Rosalía o Concello de Foz adhírese tamén á iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega e realizará a lectura do manifesto no día de Rosalía deste ano. A Concellería de Normalización Lingüística convida a quen queira participar a un acto de lectura de poemas da nosa escritora nacional no Cenima o vindeiro día 24 de febreiro a partir das 17 horas. E sinalan que “que Galiza teña como referencia nacional unha muller xa é ben significativo e é motivo de celebración. No fondo, son a súa rebeldía e ese estar sempre á beira dos humildes as ideas xerais que manexa o pobo galego cando escolle Rosalía de Castro para darlle nome a unha escola, a unha rúa, a un grupo folclórico, a unha sociedade de emigrantes, a unha publicación e agora a unha estrela”.
 
Desde a Concellería de Normalización Lingüística engaden: “por último compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas. Agora tamén unha estrela”.