O Concello de Cervo felicita un ano máis estas Festas á veciñanza co tradicional calendario de Nadal.
En total editáronse 2.200 exemplares que o equipo de goberno xa está a repartir estes día fogar por fogar, polas distintas parroquias do municipio.
Como é tradición, a veciñanza é a protagonista indiscutible deste almanaque, que conta cun deseño moi especial no que cada mes vén ilustrado cunha fotografía de xuntanzas de amigos, familias e asociacións, festas populares e recordos de escolas e clubs deportivos que tiveron lugar entre os anos 1981 e 1997; e que, de seguro, lles van traer moitos recordos aos protagonistas.
Ademais, resulta unha ferramenta moi útil para os veciños, que contan cunha lista de festividades e días importantes que se conmemoran e celebran a nivel nacional, unha axenda telefónica con teléfonos de interese do Concello, unha táboa de mareas e un calendario completo do ano 2023.
A través desta iniciativa, o Concello de Cervo pretende convidar aos veciños a desfrutar das festas de Nadal en compañía dos nosos seres queridos. “É unha oportunidade para revivir momentos importantes coa nosa familia e amizades e de recuperar, nesta ocasión, o tempo perdido por esa pandemia que nos roubou moitos bicos, abrazos e nos mantivo lonxe dos que máis queremos”, tal e como precisa o rexedor, na carta que abre o calendario na que expresa os mellores desexos para toda a veciñanza, “coa esperanza de que 2023 sexa o comezo dun novo futuro de prosperidade e coa seguridade de que a nosa entrega e compromiso seguirán intactos cada un dos 365 días que temos por diante”.