O Concello de Barreiros organiza un ciclo de monólogos para as fins de semana de xuño

O Concello de Barreiros, a través da súa concellaría de Dinamización, lanza o programa cultural "A Voltas cos Contos" durante o mes de xuño. Este ciclo de monólogos, composto por seis actuacións de coñecidas contadoras de historias, promete enriquecer a vida cultural do municipio cunha serie de eventos que combinan humor, narración e reflexión.

O calendario de actuacións é o seguinte: o 15 de xuño, "Ida e volta", de Cris de Caldas, nas Escolas de Celeiro de Mariñaos; o 16 de xuño, "Coa palabra na boca", de María da Pontragha, na Escola de Vilamartín Pequeño; o 22 de xuño, "O medo é libre" de Ángeles Goás, no local social de Cabarcos; o 23 de xuño, "Tralalareira", de Vero Rilo, no teleclube de Vilamartín Grande; o 29 de xuño, "Ida e volta", de Cris de Caldas, no teleclube da Rilleira; e o 30 de xuño, "E ti de quen vés sendo?", de Ángeles Goás, no local social de San Xusto. Todas as actuacións comezarán ás 20:00 horas.

O concelleiro de dinamización e participación veciñal, Dani García, destaca a importancia deste programa: "Con 'A Voltas cos Contos' buscamos non só ofrecer entretemento senón tamén promover a cultura galega e fomentar o encontro e a convivencia entre as veciñas e veciños. Agardamos que a veciñanza barreirense goce destas sesións que mesturan humor e tradición".

O programa está enmarcado no circuíto "Cultura no Camiño", da Xunta de Galicia, e no Plan Único, da Deputación Provincial de Lugo.