O Complexo Regalxunqueira, de Viveiro, acolle ata o vindeiro 1 de xuño, a exposición Joaquín Sabina. Garabatos e Cancións.
Garabatos é un caderno que reúne decenas de debuxos, pinturas e bosquexos realizados polo artista durante as súas xiras e na súa intimidade. Consta de dous volumes de gran formato. O primeiro recolle 66 debuxos que se expoñen en Regalxunqueira. Son facsimilares acompañados de versos manuscritos de Sabina, e un despregable con 74 retratos. Moitas imaxes están inspiradas por mulleres, varias con toques eróticos, ou polas andanzas nocturnas do autor. O segundo volume repasa o universo creativo de Sabina a través da mirada de grandes autores e personalidades do mundo da arte, como o director artístico do Museo Thyssen de Madrid, Guillermo Solaina. Trátase dun traballo completamente artesanal, que tardou dous anos en materializarse. Preséntase nun estoxo de madeira, que reproduce a porta dunha habitación da casa de Sabina, pintada por el mesmo e que simboliza a entrada ao seu mundo máis persoal.
Debido á situación sanitaria non se celebrou acto de inauguración desta mostra e, para visitala, rógase seguir as recomendacións sanitarias como o mantemento de distancia de seguridade, o uso de mascarilla e o lavado de mans.
O horario de visita é de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 15:00 a 17:00 horas e os sábados é necesario concertar cita previa no teléfono 664 543 103.
Regalxunqueira quere seguir coa súa actividade cultural e xa está programando exposicións para o resto do ano como a que poderá visitarse a partir de xuño de fotografías de Lorenzo González, en homenaxe ás xentes do mar.