
Despois das dúas convocatorias previas deste curso, no primeiro e segundo trimestre, o martes 6 de maio ás cinco da tarde terá lugar unha nova xuntanza do club de lectura en lingua galega da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ribadeo. Nela volverá falarse sobre a primeira obra da escritora Lucía Ferro, Resaibo amargo.
A organización desta actividade anuncia que “a xuntanza, na que se tratará de que estea presente a autora, terá lugar na biblioteca nos baixos do edificio da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo. A lembrar, como en ocasións anteriores, que o club está aberto non só á xente relacionada coa EOI, senón tamén a calquera persoa interesada no libro ou na autora. Como na ocasión anterior, tamén participará xente voluntaria do programa de voluntariado da EOI, que se está a desenvolver por segundo curso”.