O CCHde Viveiro organiza de novo visitas guiadas polo casco histórico da cidade do Landro durante a Semana Santa.

Este ano volven as visitas guiadas polo Casco Histórico de Viveiro da man do historiador Xesús Martínez, tamén en colaboración ca Xunta de Cofradías de Viveiro. 

Esta é xa a undécima edición, e desde o CCH resaltan o éxito obtido nas pasadas edicións que fai que se repitan un ano mais. 

“Durante estas datas de afluencia de visitantes a Viveiro parécenos moi interesante ofrecerlles a posibilidade de coñecer a cidade por medio destas visitas guiadas e de xeito gratuíto”, indican desde o CCH. 

“O obxectivo é dar a coñecer o noso patrimonio cultural e artístico, non só a visitantes, senón tamén ós lugareños, para os que a maioría das veces o mais cercano é o mais descoñecido. Con esta actividade poténciase o patrimonio material e inmaterial, a historia da nosa vila e como redundou no resto de Galiza. A mellor ventá para dar a coñecer o que somos e de onde vimos, toda a historia que encerran as nosas ruas, calexas, monumentos, arquitectura, en definitiva…. Descubrir os encantos dun dos cascos Históricos de mais sona da comarca”, engaden. 

As visitas serán da man do viveirense Xesús Martínez, Historiador e guía de turismo oficial. Colaborador en varios medios en asuntos de turismo e historia de Galicia. Guía do Concello de A Coruña e guía na Semana Santa de Viveiro dende o 2010. 

Horarios: 
Luns 3, martes 4 e mércores 5 de Abril.- ás 18:00 horas 
Xoves Santo, 6 de Abril.- ás 12:00 horas 
Venres Santo, 7 de Abril.- 13:00 horas 
Sábado de Gloria, 8 de Abril.- ás 17:30 horas 
Domingo de Resurrección, 9 de Abril.- ás 13:00 horas 

As visitas partirán tódolos días dende a Praza Maior, cada unha é distinta, ningún dia o percorrido é o mesmo, o que as fai moi amenas e interesantes. Os grupos están limitados a 50 persoas, e as reservas realízanse 15 minutos antes no punto de partida directamente co guía. 

Dende a Directiva da Asociación de Comerciantes do Centro Histórico de Viveiro “queremos agradecer a Suso Martinez que un ano máis acepte ser o guía destas visitas xa consolidadas no tempo e que tanto éxito acadan ano tras ano grazas ó seu bo facer. E por outro lado, agradecer á Xunta de Cofradías a gran labor que levan a cabo ca organización e promoción da Semana Santa de Viveiro que tan importante é para todos o viveirenses, e a satisfacción que é para nos poder colaborar con eles na organización destas actividades”. 

Apertura en Xoves Santo
Este ano, o comercio de Viveiro abrirá as súas portas o festivo de Xoves Santo en horario de mañá, así se decidiu pola maioría dos negocios. A apertura será de 11 a 14 horas, que é o horario de festivos. Nestas datas de moita afluencia de xente á vila e dous días festivos consecutivos, o comercio abrirá para poder dar servizo comercial tanto á xente da vila como ós visitantes que se achegan estes días a Viveiro.