O próximo 16 de marzo terá lugar a VII Gala de Acisa. Será no Parador de Turismo de Ribadeo a partir das 21:30 horas. No transcurso da velada, na que haberá diversas sorpresas, entregaranse os galardóns ao socio do ano, ao socio honorífico e o recoñecemento a toda unha carreira.
Os premiados serán Florentino Martínez Peláez e Mercedes García López, que recibirán o recoñecemento a toda unha carreira empresarial. Trátase dos donos de O Bodegón e faráselles entrega deste galardón “pola súa traxectoria intachable como hostaleiros e asociados de Acisa Ribadeo ata a súa recente xubilación”. O premio como socio honorífico recibirano José Luis Méndez Morán e América López Oliveros, fundadores de Ferraxería Morán. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo quere recoñecer tamén “a súa traxectoria intachable como comerciantes e asociados de Acisa Ribadeo”. E o galardón como socio do ano será para José Ramón Leal Segura, propietario de Galería Terra Branca, “pola súa arriscada aposta comercial e a súa capacidade de innovación día a día, así como o seu compromiso coa nosa asociación”.
Para asistir á VII Gala de Acisa é necesario retirar as entradas no Parador de Turismo de Ribadeo ou nas oficinas de Acisa, situadas na segunda planta do nº 20 da Avenida de Galicia a partir del 19 de febrero. Desde a directiva da patronal ribadense animan “a acudir a esta cita anual para compartir unha velada entre todos os nosos asociados e asociadas e cos premiados e premiadas nesta sétima edición desta Gala”.
Asemblea Xeral Ordinaria
A VII Gala de Acisa será un dos asuntos que se abordarán na asemblea xeral ordinaria da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, que terá lugar o próximo 22 de febreiro ás 20:30 horas no salón de actos da antiga casa sindical. Entre os temas que se tratarán están a conta de xeneral de ingresos e gastos do ano 2017, o orzamento ordinario de 2018, así como as actividades para realizar durante o presente exercicio, os días festivos e domingos de apertura este ano para o comercio e a ampliación de horarios para hostalería. Na orde do día figura a convocatoria de eleccións para proceder á renovación da xunta directiva de Acisa.
A convocatoria da asemblea xeral ordinaria de Acisa foi aprobada pola xunta directiva a semana pasada e será comunicada de xeito oficial aos socios.