O 8 e o 9 de abril serán as festas de San Isidoro en Penasagudas-Monte, en Xove.

A Asociación Cruz de Loureiro de San Isidoro de Monte, organiza as festas patronais da parroquia en honra a San Isidoro, o sábado 8 e domingo 9 de abril.

Os festexos darán comezo o sábado, ás 13:00 horas, coa misa solemne na igrexa parroquial e procesión na honra de San Isidoro. Ás 14:00 horas terá lugar a sesión vermú con Diamantes, e ás 15:00 horas celebrarase un xantar nunha carpa totalmente pechada (para inscribirse hai que chamar ao teléfono 646 647 619).

Pola tarde, a partir das 17:00 horas, haberá verbena con Diamantes e Fenix. A comisión ten preparados tres trofeos para as tres mellores parellas de baile nesta verbena, ademais de trofeo para a parella máis vella e máis nova.

O domingo continuará o programa de festas ás 10:00 horas, coa ruta de sendeirismo de Penasagudas á Cruz do Pao da Vella que poderá facerse a pé ou a cabalo, e está organizada pola Asociación Cruz de Loureiro. Para inscribirse nesta ruta e no posterior xantar, é preciso anotarse no teléfono 982 16 93 49.

Ás 14:00 horas haberá sesión vermú con Diamantes que a partir das 17:00 horas, volverá estar na verbena.

A comisión de festas dispón dunha carpa na que se realizarán os bailes os dous días, e ademais quere agradecer a todas as institucións, empresas e particulares que dalgunha maneira axudaron coa súa colaboración, á celebración destas festas patronais.