Este sábado, 4 de novembro, terá lugar en Viveiro o sexto sorteo da campaña de A Mariña Federación, que daba comezo o pasado mes de setembro. Será ás 20:30 horas nos Xardíns Noriega Varela. En xogo estarán outros 1.500 euros en vales de compra.
Aquelas persoas que realicen as súas compras entre o 29 de outubro e o 4 de novembro nos establecementos asociados poderán canxear os seus tíckets de importes superiores a 10 euros por papeletas para participar no sorteo presencial que se celebrará este sábado en Viveiro. Ese día entre as 11 e as 14 horas pola mañá e entre as 17 e as 20:30 horas pola tarde será cando se poidan obter as papeletas na carpa que a FCAM instalará nos Xardíns Noriega Varela.
En Viveiro, ao igual que xa aconteceu en Ribadeo, en Foz, en Xove, no Vicedo e en Covas, sortearanse 1.500 euros en vales de compra, divididos nos seguintes premios: un de 500 euros, un de 300 euros, un de 200 euros e 5 de 100 euros cada un. Os afortunados e afortunadas deberán consumilos durante a seguinte semana á da celebración do sorteo nos establecementos asociados á Asociación Beiras de Viveiro.
O último sorteo desta campaña da Federación de Comercio A Mariña será o 11 de novembro en Burela. A FCAM destinou máis de 10.000 euros aos premios desta cita, que chegou á súa terceira edición.