Dentro do Programa Verán Xove 2019, as actividades acuáticas ocupan un lugar moi importante, e non pode ser doutra maneira tendo en conta a época na que nós atopamos. Nesta ocasión imos referirnos concretamente a tres, dúas rematadas e outra de celebración inmediata; comezamos por esta última:
Festa Acuática na praia de Portocelo
Na Praia de Portocelo, este vindeiro domingo, 4 de agosto, a partires das 16:00 horas terá lugar unha festa acuática na propia praia con xogos para nenos/as e rapaces/as. Trátase da terceira edición dunha festa que contou cun gran éxito nas edicións pasadas.
Vai haber xogos de todo tipo e moi variados: inchables, kayaks, etc., cada un dos cales estará controlado por un monitor que se vai preocupar do control de acceso a cada xogo e da seguridade do mesmo.
Trátase dunha actividade totalmente gratuita, organizada e patrocinada polo Concello de Xove, aberta tanto a persoas (nenos/as e rapaces/as) de Xove como visitantes, turistas, etc. Non hai limitación; a participación é totalmente, como dixemos, libre e gratuita. Só hai que ir á Praia e participar nos xogos.
Domingos a remollo
É unha novidade do programa deste ano, e tal como se recolle no título, desenvolveuse os domingos do mes de xullo na Praia de Lago, polas tarde. A inscrición e participación foi totalmente libre e gratuita, realizándose na mesma praia, e contou con actividade de kayaks, pádel surf, big sup, etc.
Actividades acuáticas
Desenvolvidas na Piscina Municipal de Xove o pasado 16 de xullo, abertas a tódalas idades, co único requisito de saber nadar. Actividade organizada polo Club Natación Xove, contou con numerosos particpantes.
Seguimos con actividades, pero agora en seco. Dentro do apartado “Móvete no Verán”, estamos tendo KANGOO JUMPS. Esta actividade comezou o pasado 5 de xullo e vai ter continuidade ata o vindeiro 16 de agosto. Impartida por Lorena, de Sala 5, conta con 20 inscritos.
Por último temos “FÚTBOL SALA (3x3), actividade incluída dentro do programa Ocio Deportivo. Desenvolvida na Pista Multideportiva do Parque e no Pavillón Municipal de Xove, contou con 38 inscritos.