Cervo acollerá a II Quedada (KKD) multimarca Astur-Galega este sábado, 30 xuño.
A concentración, organizada pola asociación local Chatarracing e por Astur-Vag, coa colaboración do Concello de Cervo, foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, polo edil de Deportes, José Ramón Soto, e por varios membros da organización.
A actividade terá lugar no Polígono de Cuíña desde as 10:00 horas, e prolongarase durante toda a xornada; alí concentraranse todo tipo de vehículos, de todos os estilos (clásicos, racing, 4x4…).
Villares apuntou que se trata dun evento co que diversificamos a oferta de ocio do municipio; e desde o Concello sempre “estamos dispostos a colaborar e a poñer a disposición terreos, instalacións e infraestruturas municipais para que as direferentes asociacións poidan desenvolver a súa actividade, sobre todo, cando vemos, como é ocaso, o interés que hai por parte deste grupo por programar eventos que atraen aos amantes do mundo do motor, con tanta afección a día de hoxe”.
A inscrición é gratuíta, e farase ese mesmo día nas propias instalacións. A pasada edición foi todo un éxito de participación, dándose cita 250 vehículos; e este ano, desde a organización apuntan que agardan superar a cifra dos 300.
Esta edición está adicada ao piloto Manuel Senra, cinco veces consecutivas campión do Campionato Galego de Rally. A homenaxe está programada para as 17:00 horas e os participantes e visitantes poderán ver o seu vehículo in situ.
Durante o día, ademais da propia exposición de vehículos, haberá exhibición de 4x4 nun circuíto natural deseñado no propio monte, unha gran zona infantil con inchables e todo tipo de atraccións e moitas máis sorpresas.
Ás 19:00 horas está prevista a entrega de trofeos ao grupo máis numeroso, ao coche máis antigo, ao condutor máis veterano, ao mellor 4x4, ao coche máis racing, ao máis baixo, ao vehículo que veña desde máis lonxe…; entre outros.
A maiores, o recinto contará con diferentes stands, zona de acampada, DJ´S e bar-restaurante.
Ademais, como iniciativa solidaria, recolleranse tapóns para a Asociación de Enfermos de Fibromialxia e Síndrome de Fatiga Crónica.