O 3 maio Redrum Produccións porá en escena en horario escolar a obra "A nena que quería navegar". Será no Teatro Pastor Díaz, en Viveiro.

Mañá mércores, 3 de maio, estará no Teatro Pastor Díaz, en horario escolar, Redrum Produccións coa obra "A nena que quería navegar". A obra vai dirixida para os nenos de 5 anos de infantil e para os de 1º e 2º de primaria dos centro de ensino do noso Concellos. Centros participantes: EEI San Roque, CEP Lois Tobio, CPR Landro, CEIP Santa Rita, CEIP Pedrosa Latas e CEIP Covas. Ás 10 da mañá acudirán os rapaces do CPR Landro, CEIP Santa Rita e EEI San Roque e ás 12 horas será a quenda para CEP Lois Tobio, CEIP Covas e CEIP Pedrosa Latas. 

“A Nena que Quería Navegar” é un proxecto destinado a un público familiar, principalmente infantil de entre seis e doce anos. Nel tratamos un tema que nos preocupa e desacouga a partes iguais, e que tristemente cada pouco acapara as portadas de todos os xornais. Este tema é o acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”. Diversos estudos afirman que máis dun 30% de alumnos e alumnas dos diferentes ciclos de ensinanza sufriron algún tipo de acoso, e entre o 5% e o 10% padeceron acoso escolar grave con consecuencias psicolóxicas para as vítimas. Son sen dúbida unhas cifras moi preocupantes.
 
Este é un problema social ao que non lle debemos dar as costas e do que todos e todas somos responsables. Precisamos detectalo a tempo para corrixir as accións que converten en verdugo a un rapaz e en vítima a outro. Grazas ao teatro, e grazas ao seu poder educador, podemos traballar para minorar estas cifras.
 
“A Nena que Quería Navegar” conta a historia de “A Nena”, unha rapaza sen nome que farta de insultos, empurróns e illamento social, foxe da escola para non volver nunca máis. Na súa aventura, ou mellor dito, na súa desventura atopará ao Xeadeiro, un personaxe máxico e vital, que lle devolverá a autoestima perdida a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de conseguir todo o que nos propoñamos. 
 
Traballar coa idea do reforzo positivo é unha das claves para previr o acoso escolar. Só un rapaz forte e cunha alta autoestima é quen de facer fronte ao acoso. Queremos que os nosos pequenos espectadores saian fortalecidos despois de asistir á representación de A Nena que Quería Navegar e teñan ferramentas para previlo.
 
Tentamos que cada proxecto ao que nos enfrontamos sexa único, especial e singular. Nesta ocasión para a creación do noso mundo onírico tomamos como referente o imaxinario de Tim Burton e en especial o seu libro de poemas “A Melancólica Morte do Rapaz Ostra” onde retrata con grande lirismo a nenos e nenas diferentes, solitarios e vítimas de acoso. Tim Burton é melancolía pero tamén é luz, cor, maxia e ilusión, e todo ese mundo tan particular está reflectido neste espectáculo. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, impulsivo, reflexivo, festivo e no que mesturamos varias disciplinas artísticas como o teatro de monicreques, o teatro de obxectos, as proxeccións, o teatro de sombras, música en directo e coreografías.