Acisa Ribadeo agradece a implicación á Xunta de Galicia coas súas actividades. Ademais das bolsas de papel gratuítas coas que contarán os socios e socias de Acisa, tras o acordo acadado coa administración galega hai uns días, o 29 de xuño terá lugar un espectáculo entorno a unha queimada tradicional en Rinlo e o 9 de agosto Os Bolechas estarán en Ribadeo coincidindo coa Noite Flúor.
Esta mañá tivo lugar unha xuntanza de traballo en Ribadeo entre a Xunta e Acisa. O presidente do colectivo empresarial, Paco Iriarte, valorou de xeito moi positivo “que a Xunta colabore con nós ao marxe da axuda anual que nos concede por ser Centro Comercial Aberto” e subliñou que “van ser tres as iniciativas inmediatas que van ter lugar. A primeira, e debido á nova normativa que prohibe o emprego de bolsas de plástico a partires do vindeiro mes de xullo, a Xunta atendeu a nosa petición de editar unha partida importante de bolsas para entregar de forma gratuíta a todos os nosos asociados e asociadas. Isto é un activo moi importante para a nosa asociación”. As bolsas serán de 4 tamaños: pequenas, medianas e grandes e unha especial para as botellas de viño.
Iriarte seguiu a relatar que “a seguinte actividade é moi importante para nós, porque vai ter lugar fora da vila. É unha acción que se vai desenvolver en Rinlo o vindeiro 29 de xuño. Será un espectáculo entorno a unha queimada tradicional, que se celebrará coincidindo co día de San Pedro. Son varios os asociados que temos en Rinlo e que están moi contentos con que algunha das nosas actividades salgan de Ribadeo e cheguen a un punto tan turístico como Rinlo”.
O presidente de Acisa engadiu que “a terceira acción ten que ver coa Noite Flúor que se celebrará o 9 de agosto. Ese contaremos en Ribadeo con Os Bolechas, que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas. Esperamos que a organización destas e doutras actividades sirva para impulsar que novos empresarios, tanto comerciantes coma hostaleiros, se dean de alta en Acisa e formen parte da nosa asociación, que traballa día a día para dar máis e mellores servizos aos nosos asociados e asociadas”.
Na xuntanza desta mañá participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a xefa territorial de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, os edís do PP no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad e Juan Estévez, o deputado autonómico Daniel Vega, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, e o tamén directivo do colectivo empresarial Roberto Rivas.