O vindeiro 29 de xullo terá lugar a sétima edición da carreira Burela Bonita a partir das 19 horas. O evento foi presentado hoxe pola alcaldesa, Carmela López, e polos concelleiros de Mocidade e Deportes, Mario Pillado e Carlos Méndez.
O percorrido será de 5 quilómetros e haberá premios para as categorías absoluta masculina e feminina, que consistirán en Trofeo e 100 euros para os primeiros, Trofeo e 50 euros para os segundos e Trofeo para os terceiros.
As inscricións poden realizarse en www.sportmaniacs.com O edil de Deportes contou que “os participantes nas categorías absolutas que se inscriban ata o 23 de xullo pagarán unha cota de 8 euros e os que o fagan do 24 ao 27 de xullo abonarán 10 euros. Para as categorías menores os que se anoten ata o 23 deste mes poderán participar de xeito gratuíto e os que se inscriban do 24 ao 27 pagarán 2 euros”.
Méndez dixo que “a recollida de dorsais terá lugar na Praza da Mariña o día da carreira entre as 11 e as 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. As categorías menores recolleranos a partir das sete da tarde na propia Praza da Mariña”.
O concelleiro de Deportes agarda que “rexistremos unha boa participación, ao igual que nas edicións anteriores e que, ademais de correr a Burela Bonita, os que se acheguen á nosa vila aproveiten para gozar das potencialidades turísticas do noso concello e da nosa gastronomía”.
As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse á páxina web do Concello de Burela: www.burela.org