O Concello de Cervo acollerá a I Quedada (KKD) multimarca Astur-Galega o sábado 27 de maio.
A cita, programada conxuntamente con SoloVag Galicia e Astur-Vag, foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e varios dos organizadores.
A actividade terá lugar no Polígono de Cuíña, dende as 10:00 ata as 22:00 horas, e alí concentraranse todo tipo de vehículos, de todos os estilos (clásicos, racing, 4*4…).
A inscrición é gratuíta, e farase ese mesmo día nas propias instalacións.
Ao longo da xornada, ademais da propia exposición de vehículos, haberá probas de ruído, exhibición de 4*4, e moitas sorpresas e sorteos.
Haberá ademais entrega de trofeos ao grupo máis numeroso, ao coche máis antigo, ao condutor máis veterano, ao mellor 4*4, ao coche máis racing, ao máis personalizado, ao máis baixo, ao escape máis ruidoso, tanto de gasolina como de diesel, e ao vehículo que veña dende máis lonxe.
A maiores, o recinto contará con diferentes stands, zona de acampada, DJ´S, bar móbil, pulpeira, churrasquería e zona infantil con inchables.
Dende a organización agardan recibir máis de 200 vehículos procedentes de toda Galicia e Asturias, e convidan a todo o mundo a visitar o recinto.