Este venres, 27 de decembro, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro actuará Teatro Cubo que presentará a obra Nube nube sol. Haberá dúas funcións, ás 17:00 e ás 18:30 horas.
A obra está dirixida ao público infantil con idades de 0 a 4 anos e ten unha duración de 40 minutos.
A representación conta como as nubes chegan, chove, sae o sol e á natureza esperta para encherse de cores. Ao amparo dos paraugas, os protagonistas atopan agocho, cantan, bailan e, acompañados de pintorescos animais, son parte da mesma paisaxe. Nube nube sol mete de cheo ao espectador na diversión e na aprendizaxe de todo o que o sol e a choiva provocan na súa contorna. A través do corpo, a xestualidade, o canto e a música, Teatro cubo achega á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.
O elenco artístico está formado por Sofía Espiñeira e Roberto Casal.