O vindeiro luns, 25 de novembro, terá lugar o oitavo e último sorteo de 1.000 euros da campaña da FCAM 1.000 motivos para mercar na Mariña. Será no Vicedo. Todas as persoas que realizaron as súas compras do 18 ao 24 de novembro no comercio asociado a Acia local entrarán no devandito sorteo. Só teñen que estar atentas ás redes sociais e aos medios de comunicación para coñecer os números das papeletas premiadas. Haberá un premio de 500 euros e cinco de 100 euros cada un en vales de compra para gastar nos establecementos asociados durante os 30 días seguintes á celebración do sorteo no Vicedo.
En total a FCAM destinou 8.000 euros a premios nesta campaña. Mil euros en cada asociación que a conforma: Viveiro, Foz, Xove, Burela, Ribadeo, Covas, Lourenzá e O Vicedo.
Os sorteos celébranse os luns na sede de cada Acia participante. A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña remata do 18 ao 24 de novembro en O Vicedo, onde o sorteo será o 25 na Acia desta vila.
A campaña 1.000 motivos para mercar na Mariña foi organizada pola Federación de Comercio A Mariña e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.