Os Mercados dos Domingos en Ribadeo darán comezo o 24 de xuño e desenvolveranse ata o 14 de outubro. Nesta edición incorpóranse dous novos produtores a este mercado que se celebrará os domingos de 9 a 14 horas no exterior da praza de abastos. Poderán atoparse produtos da horta, queixo, embutidos, sumes, doces, pan, ostras, cervexa e chocolates, entre outras cousas. Os Mercados dos Domingos está organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación de produtores/as da horta A Sucadoira.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, manifestou que “como cada tempada cos produtos da horta en plena ebullición, e tamén esperando que se achegue o verán que nos vai acompañar durante este mercado, volvemos retomar o noso Mercado dos Domingos, o Mercado dos Domingos de Ribadeo”.
A edil ribadense explicou que “é un mercado de produtores e produtoras locais que achegan así os seus produtos ao consumidor, eses produtos que se dan na horta, que se dan nas proximidades de Ribadeo, que se fabrican artesanalmente tamén na nosa contorna, chegan á nosa mesa poñendo en valor esa economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada, potenciando o local, valorando o noso. O Mercado dos Domingos busca ese valor do propio, do próximo, do consumo local, da calidade”.
Martínez sinalou que “está organizado desde o Concello de Ribadeo, en colaboración coa asociación de produtores/as da horta de A Sucadoira, e ten lugar no exterior da praza da abastos de Ribadeo todas as mañás dos domingos do verán, entre as nove da mañá e as dúas da tarde. Dará comezo xa o próximo domingo. Este domingo convídovos a todas e a todos a achegarvos a este mercado da horta de Ribadeo, que este ano non rematará a finais de setembro senón que o alongaremos un pouquiño e faremos cadrar a Festa da Horta coa ponte de outubro, así pois o remate está previsto para o 14 de outubro”.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio engadiu que “haberá tamén novidades este ano, a oferta é máis diversificada, son 14 postos nos que poderemos atopar coitelería, pan, ostras, produtos da horta, queixo, embutidos, zumes e doces, entre outras moitas cousas. Este ano incorpóranse dous novos produtorxs ao noso mercado, con cervexa e chocolates de Ribadeo”.
A edil cre que “apostar por este tipo de produtoras e produtores, de artesáns e artesás, de xente que desenvolve o seu traballo vinculado o sector primario próximo, que ademais fai que se quede o traballo na nosa contorna, creo que iso é unha importante aposta e unha aposta tamén para o consumidor, porque sabe que está consumindo calidade, con eses produtos que non teñen cámara, que están directamente da horta á súa mesa. Creo que entre todas e todos debemos axudar a manter e a continuar a tradición do noso, do propio, do próximo”.
Ana Martínez quere “convidar a todos a que este domingo, día 24, veñades a Ribadeo a disfrutar, a mercar e a saborear os produtos da horta”.
Pola súa banda a presidenta da asociación A Sucadoira, Ana Díaz, comentou que “vai haber produto de tempada, da horta que vai directamente do produtor ao consumidor, fresquiño, collido todos os días á noite e pola mañá cedo. Haberá moitas froitas e verduras típicas desta época do ano”. E anima “a toda a xente, aos de aquí e aos visitantes, a achegarse a estes Mercados dos Domingos, que todos os anos teñen moito éxito”.