O 24 de abril terá lugar a Xornada de Formación en Xeoturismo para anfitrións e xestores de turismo, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística.
Esta xornada de formación estaba prevista para o pasado 13 de marzo, pero quedou posposta para o vindeiro 24 de abril co obxectivo de que máis xente interesada poida participar na mesma. Desenvolverase no salón de conferencias, en Burela, en horario de 10 a 14 horas e de 15 a 19 horas.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, indicou que “esta xornada formativa ten como obxectivo primordial a divulgación e posta en valor do patrimonio xeolóxico da Mariña entre os axentes locais implicados no desenvolvemento do turismo no territorio, ben sexan do sector público, como técnicos das oficinas de turismo, xestores de turismo ou áreas relacionadas, etc. como do sector privado, persoal de aloxamentos, experiencias turísticas, etc. E así sexan quen de contar cunhas nocións básicas sobre o turismo xeolóxico, o patrimonio e a xeoloxía da Mariña de cara a informar e atender aos turistas e visitantes ou valorar desenvolver actuacións de xeoturismo no seu ámbito”.
Esta acción enmarcarse dentro do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña - cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo - sendo o xeoturismo ou turismo xeolóxico unha das áreas estratéxicas a desenvolver no contexto deste plan para a diversificación, redistribución e desestacionalización da actividade turística.
Equipo docente está formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia; e Iván Rodriguez, doutor en xeoloxía e guía de xeoturismo. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse en: https://forms.gle/KSPKRjpTQ1Ur7zGAA ou contactar por mail con amarinageoturismo@gmail.com e o teléfono 644 00 97 22.