O 23 de xuño arrinca unha nova edición dos Mercados dos Domingos, que se celebrarán na contorna da praza de abastos ata mediados do vindeiro mes de outubro. A cita está organizada polo Concello en colaboración coa asociación de produtores/as da horta A Sucadoira.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “como cada tempada cos produtos da horta en plena ebullición de verán, volvemos retomar o noso Mercado dos Domingos, un mercado de produtores e produtoras locais, sen intermediarios, achegando así os produtos ás persoas consumidoras, do produtor á mesa poñendo en valor a economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada e saudable, coidando do medio e con garantías de calidade e frescura”.
O rexedor lembrou que “o Mercado dos Domingos está organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación de produtores/as da horta de A Sucadoira e ten lugar no exterior da praza de abastos de todas as mañás dos domingos de 9:00 a 14:00 horas”. Da comezo este vindeiro domingo, 23 de xuño, e rematará coa celebración da Feira da Horta previsiblemente o 13 de outubro.
Suárez Barcia contou que “no Mercado dos Domingos haberá 13 postos cunha oferta ben diversificada: todos procedentes da zona, no que reinan os produtos da horta procedentes de Ribadeo e no que tamén poderemos atopar: coitelería, pan, ostras, queixo, embutidos, zumes, doces, cervexas, entre outras cousas”.
Ana Díaz, a presidenta de A Sucadoira, subliñou que “imos encontrar todo o produto de proximidade, todo colleitado pola mesma persoa que vai vender, todo fresco e recollido da noite ou de pola mañá. É un produto que non vai á cámara, todo natural. Os produtores de pan, de carne e todo o demais teñen que producilo eles tamén para poder vir vender. O domingo imos encontrar toda a mercancía ben fresquiña”.
Díaz referiuse ao éxito que ten o Mercado dos Domingos entre os turistas: “nas grandes cidades non hai posibilidade de comprar unha leituga que se corte pola mañá a primeira hora ou pola noite a última hora, é totalmente diferente o sabor e todo”.
O alcalde ribadense anima “a todas as persoas, de aquí e de acolá, a consumir produtos deste mercado, xa que inxectaremos beneficios na nosa economía local, comeremos mellor e axudaremos aos pequenos agricultores e produtores da zona”.
Neste 2019 o Mercado dos Domingos virá acompañado dunha intensa axenda coa celebración da Festa do Produto Local, a Festa do Pemento e coa xa coñecida Festa da Horta, entre outros eventos.