O 22 de setembro terá lugar unha nova edición do Pemento Fest, dentro do Mercado dos Domingos. Haberá mostra de pementos e degustación, unha charla sobre este produto e tamén música. Un dos protagonistas será o pemento de Piñeira.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “como cada setembro, chega a tempada dos pementos e o Mercado dos Domingos quere dedicar un día especial a este produto tan característico da nosa zona, onde salienta o pemento de Piñeira”.
O edil ribadense explicou que “para elo vaise celebrar unha nova edición do Pemento Fest o vindeiro domingo, 22 de setembro, de 9 a 14 horas, no Mercado dos Domingos, que é o noso espazo de consumo local. Este Pemento Fest, ademais de incluír o xa habitual mercado de produtores e produtoras locais, tamén contará cunha mostra de pementos”.
Pablo Vizoso contou que “ás 11 da mañá está previsto, no que denominamos Experiencias do mercado, un espazo dirixido a divulgar experiencias aplicadas ao medio rural, a sostibilidade e a concienciación do consumo de proximidade e responsable, unha charla – coloquio que nos achegará ao mundo do pemento e das posibilidades ao longo da súa vida, a charla correrá a cargo de Rosendo Estevez, mestre de agricultura sostible e de xardíns. E ás 12:30 o grupo de mulleres de falapandeireta Ericas e Peluxías ofrecerán unha actuación nas inmediacións da praza de abastos”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local convida a acudir a Ribadeo a gozar do Pemento Fest.