Este venres, 20 de xullo, no Cámping Gaivota, en Barreiros, darán comezo as Queimadas Proletarias mesturadas con Músicas de Raíz. Será coa actuación de Tis Che Tein a partires das once da noite.
O artista barreirense Celso Dourado explicou que “como é tradicional no Cámping Gaivota iniciamos as queimadas todos os venres durante os meses de xullo e agosto. Nesta ocasión vainos visitar unha vez máis Tis Che Tein. É un grupo que xa estivera o ano pasado, pero por mor da choiva tivemos que suspender a súa actuación e quedou pendente para este 2018”.
Dourado dixo que “é un grupo que eles mesmos se definen como de folk tabernario, se forma entorno ás terrazas de Santiago de Compostela, traballan unha música que bebe do folk irlandés esencialmente e os seus membros, ademais desta formación que teñen que é moi dinámica, xa que se moven moito e viaxan, forman parte doutros grupos como poden ser Fía na Roca ou Os d´Abaixo, un grupo referente no panorama folk galego. É unha xente moi nova, pero cunha formación moi sólida no eido da música folk”.
Celso Dourado engadiu que “a hora deste concerto vai ser entorno ás once da noite, compaxinando os efluvios da queimada, como sempre, coa música deste grupo. É ao aire libre e sempre hai unha gran acollida, cando a noite nos axuda é un espectáculo realmente fermoso”.