O 20 de decembro celebrarase en Xove a VI Gala do Emprendemento Local, que organiza o Concello

O venres 20 de decembro celébrase a VI Gala do Emprendemento Local no Concello de Xove. Está organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.

Co obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local, no Salón de Actos municipal ás 20:30  horas o alcalde, José Demetrio Salgueiro Rapa, presentará a Gala na que intervirán Miguel e Julio López López de TALLERES SWISS AUTOS e Laura Lorca González de GLARUAL ECOSHOP.

Eles explicarán como xurdiu a súa idea empresarial, cales foron as principais motivacións, cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras, cales son os puntos fortes da súa empresa, como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas, os atrancos cos que se atoparon, se volverían facelo e que plans de futuro teñen.

A Gala contará coa actuación musical e de danza a cargo de David Catá ao piano, acompañado por Ana Represas ao chelo e Marta Cuba con baile contemporáneo.

Desde o Concello de Xove subliñan que “esta Gala celébrase para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso.Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial”.

E engaden que “o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun Plan de Empresa viable”.

A entrada á Gala é libre e gratuíta ata completar aforo, as portas abriranse ao público ás 20:15 horas.