Este verán volven As Noites. A rapazada poderá gozar de fútbol praia, wipeout, volei praia, baloncesto, fútbol sala e kickboxing.
As Noites é un programa que ofrece unha alternativa ás saídas nocturnas de botellón, fomentando actividades de desenvolvemento social, así como o deporte e os hábitos de vida saudables.
O martes 19 de xullo, a partir das 22 horas, comeza con fútbol praia, na Rapadoira para rapaces e rapazas de 10 anos en adiante.
As persoas interesadas en participar tan só deben inscribirse o primeiro día antes de cada actividade. Aquelas que sexan menores de 18 anos necesitarán autorización asinada.
As ubicacións das actividades serán as habituais: A Rapadoira e o Campo da Cabana.
A concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez Leivas, amosa a súa ledicia por realizar de novo As Noites, “posto que os veráns anteriores cando íamos a dar comezo, as medidas sanitarias impediron poder levalas a cabo”. E anima “a toda a mocidade a gozar de forma saudable das Noites, como viña sendo habitual, cun gran ambiente. En Foz, as noites do verán son especiais”.
Os días 19, 20 e 21 de xullo haberá fútbol praia; o 26, 27 e 28 de xullo wipeout, os días 2, 3 e 4 de agosto volei praia; 16, 17 e 18 de agosto baloncesto e 23, 24 e 25 de agosto haberá fútbol sala + kickboxing.