A Área de Desenvolvemento Local organiza a 18 Festa dxs Produtorxs da Horta que se celebrará o 10 de outubro e coa que rematarán por este ano os Mercados dos Domingos. Haberá esfollada do millo, prensada e elaboración de zume de mazá, música e tapiñas elaboradas con produtos da horta nos bares da contorna.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, anunciou que “dende primeira hora deste domingo, 10 de outubro, van ter lugar as diferentes actividades programadas na contorna da praza de abastos para celebrar a festa dos produtores e das produtoras locais coa que se vai poñer punto e final, por este ano, ao Mercado dos Domingos”.
O edil ribadense relatou que “arredor das once e media dará comezo a esfollada do millo, un obradoiro de disfraces e bonecos tradicionais para os máis pequenos da casa e tamén para as familias. Xa ás doce está programada unha prensada e elaboración de zume de mazá e en torno á unha da tarde todos os asistentes poderán desfrutar dun evento musical da man do grupo de falapandereita Erikas e Peluxías. Ademais este domingo poderemos degustar das tapiñas e dos petiscos elaborados con produtos da horta nos locais de hostalería da contorna da praza de abastos”.
Vizoso Galdo dixo que “esta xornada pon o punto final ao Mercado dos Domingos deste ano, unha iniciativa promovida polo Concello de Ribadeo para apoiar e promover a alimentación saudable e de proximidade e que contou cunha enorme afluencia ao longo destes meses. Tamén quero lembrar que este ano creouse unha nova imaxe para o Mercado dos Domingos que se utilizou en toda a cartelería, nos manteis, en bolsas de telas para os clientes, mantelos, marcapáxinas e noutros elementos que se repartiron tanto entre as persoas participantes e vendedoras como visitantes e clientes”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local subliñou que “o balance que podemos facer e que debemos facer deste ano do Mercado dos Domingos é totalmente positivo porque acadamos o obxectivo que se pretendía e que era achegar os produtos de proximidade aos consumidores facendo fincapé na súa importancia para a alimentación individual e tamén como motor do desenvolvemento económico da nosa vila”.