A décima edición da ruta cicloturista de montaña Pico da Lebre, que organiza o Club Ciclista Foz, celebrarase o día 1 de abril. Na presentación do evento participou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.
Desde a organización explican que “a décima ruta BTT Pico da Lebre contará con tres distancias para adaptarse a todos os ciclistas que desexen participar. As inscricións están abertas na web http://bttpicodalebre.galitiming.com. Está previsto que a ruta arranque ás 9:00 horas do día 1 de abril desde a praza Conde de Fontao, no porto de Foz. Desde aí todos os participantes rodarán polo paseo de Malates para ir adentrándose nas primeiras subidas que os levarán aos pés da capela do Santo, que será testemuña de luxo do paso dos ciclistas. Despois de gozar das baixadas do Pico da Lebre, na parroquia de San Martiño, darán conta do primeiro avituallamento, para afrontar o seu paso por Trasmonte. Espéraos tamén a subida a Conde Fontao, que porá a proba aos máis valentes. Tras isto o paseo do río Ouro fará as delicias dos participantes co seu sinuoso sendeiro ata chegar a Fazouro, onde haberá un avituallamento líquido para repoñer bidóns. Desde aí emprenderán outra pequena subida ata o terceiro avituallamento e prepararse para a incrible baixada que este ano teñen preparada os membros do Club Ciclista Foz. O sendeiro marítimo polas praias de Foz porá o colofón final a esta ruta que terá o seu arco de meta, unha vez máis, na praza Conde de Fontao. Aquí os participantes disporán de lavado de bicicletas e duchas para poder prepararse para unha comida de confraternización á que poderán asistir os que así lo elixan á hora de facer a inscrición”.