Desde Nordés Faladora sinalan: “como ben sabedes, a pandemia cambiou a nosa forma de vida neste último ano e medio en moitos aspectos, sendo no campo das relacións sociais onde podemos dicir que o prexuízo foi maior, limitando a interacción entre persoas que tan necesaria é para os seres humanos en xeral e para as crianzas en particular. Unha das consecuencias das restricións sanitarias foi a interrupción das actividades lúdico-pedagóxicas que Nordés viña organizando regularmente en colaboración cos colexios de O Vicedo e Mañón ata a chegada da COVID-19”.
E subliñan que “agora, coa case total desaparición das restricións, é o momento en que Nordés volve a propoñer a realización de actividades nas que desexamos contar coa participación da rapazada xunto coas súas familias e así recuperar dinámicas relacionadas coa natureza e a súa preservación e conservación. Este é o caso do Proxecto Ríos no que participa a nosa asociación, e que ten entre outros fins o de dar a coñecer os ecosistemas acuáticos, como por exemplo o do río Sor, contribuíndo a crear unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas”.
Desde Nordés Faladora engaden: “por isto organizamos unha nova edición deste Proxecto, ao que nesta ocasión engadimos unha Ruta Interpretativa do Patrimonio Natural do Sor", e que terá lugar o sábado, 4 de xuño, cos seguintes contidos:
- 09:30h. Inicio da ruta na Ponte do Porto
- 12:00h. Final da ruta (4 km) e realización do Proxecto Ríos no Refuxio da Furada
- 14:00h. Remate da xornada e xantar opcional, onde cada persoa terá que levar a súa propia comida.
A actividade é de balde, e agardando que o proposto esperte o voso interese quedades convidados a pasar unha fermosa xornada na que o lecer, o coñecemento, e o compromiso co medio ambiente, conxugarán á perfección”.