O problema demográfico de Galicia é hoxe de maior gravidade incluso que nos países da contorna, manifestado en perda de poboación, baixa natalidade e alto avellentamento, fortes niveis de dependencia, forte polaridade xeográfica rural-urbana, e devalo demográfico e socioeconómico do rural.”
Con estas palabras comeza un traballo de Xosé Martínez e David Peón publicado no ano 2015 na Revista Galega de Economía, e que leva por título “PATRÓNS DE DESPOBOAMENTO DO RURAL GALEGO: UNHA ANÁLISE POR COMARCAS”, e aínda que ese traballo e as súas conclusións non son o obxecto principal da xornada que Nordés, a asociación de desenvolvemento das Terras da Faladora, organiza para o 24 de marzo en Espasante (Ortigueira), sí nos da pé para introducirnos no que é un grave problema: as consecuencias no emprego no sector primario do despoboamento e alto avellentamento que se está a dar nos nosos concellos, para o caso e polo que nos toca, O Vicedo, Ourol, Muras, Mañón e Ortigueira, así como nas zonas rurais de Viveiro e As Pontes.
Esa perda de poboación, ao igual que a idade avanzada dos que viven no rural, está levando ao abandono das terras de labranza, explotacións gandeiras e á implantación no forestal do monocultivo do eucalipto, tanto polo sinxelo da súa produción coma polo seu rendemento económico. Isto claramente supón a perda de postos de traballo, a redución da produción a niveis de autosuficiencia, e que sexa cada vez máis difícil tecer redes comerciais no rural polo descoñecemento dos consumidores, e a falta de medios ou tempo dos produtores.
Unha vez exposto moi resumidamente o problema, pero deixando ben claro a gravidade do mesmo, hai que dicir tamén que non todo é negativo, que non todo é emigración, desemprego e resignación. Que hai xente que quere vivir no rural. Que hai xente que leva anos loitando por sacar adiante as súas explotacións con moito esforzo e ilusión. E que hai outra que ten ideas e ganas de traballar, pero que necesita de axudas, consellos, formación, terras, e o que sexa preciso para intentar non ter que coller a maleta e deixar o berce primixenio ou adoptivo.
Con esta idea Nordés, coas achegas de Mar de Mares, Economato Macabeo e Cuarzos Industriales, propón esta xuntanza baixo o nome de “Alternativas de Emprego no Rural”. E para iso convidou a representantes dos sectores gandeiro, forestal, agrícola e comercial, así coma da administración, para que, a través da exposición das súas experiencias e o debate arredor delas, as persoas que teñen intención de traballar no sector primario, aquelas que xa o están facendo, e o público en xeral, aproveiten o intercambio de ideas e opinións e, por qué non, planten a semente de novas propostas que xermolen na reactivación dos nosos campos e granxas, e logren deter a desaparición do rural, tanto grazas ao seu traballo coma ó compromiso necesario dos consumidores polos produtos da zona onde viven.