No Valadouro o 3 de xuño terá lugar a proxección do documental Ecos da Galerna do 61.

Nova convocatoria da Delegación de Cultura do Concello do Valadouro. Nesta ocasión presentan a proxección do documental Ecos da Galerna do 61 este sábado, 3 de xuño, ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura Manuel Lourenzo do Concello do Valadouro. Entrada de balde.

Sinopse:
O mes de xullo do 61 quedou marcado a madeira, morte e salitre na memoria colectiva dos pobos mariñeiros dende Brest ata Ferrol de tal xeito que agora, 60 anos despois, e cando xa moitos dos protagonistas que sairon con vida daquela terrible experiencia que foi pasar unha galerna non están entre nós, perviven na transmisión oral moitos feitos e anécdotas do acontecido en alta mar e nos portos aos que ían chegando barcos desfeitos e novas de vivos e mortos.

Como homenaxe a tódolos mariñeiros e ás súas familias, e co obxectivo de deixar para a posteridade en formato audiovisual as vivencias das xentes do mar, Nordés produciu, en colaboración co Concello do Vicedo, o documental que leva por título “Ecos da Galerna do 61”, realizado por Pinancho audiovisuais.