
O mércores 19 de marzo ás 18:30 horas o Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz acollerá unha charla informativa sobre orientación académica dirixida exclusivamente a familias. O encontro terá lugar no salón de actos do centro e contará cunha duración aproximada de dúas horas. Estará a cargo de Cristina Eiras López, orientadora de Secundaria e especialista en Trastorno do Espectro Autista (TEA) dentro do Equipo de Orientación Específico. Durante a sesión abordaranse aspectos clave sobre a toma de decisións académicas e profesionais, proporcionando ferramentas e estratexias para acompañar aos mozos e mozas na elección do seu futuro educativo.
Esta charla forma parte do programa ENAPAS (Escola de Nais e Pais), organizado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Burela, co obxectivo de ofrecer ás familias información clara e útil sobre as distintas opcións formativas e os itinerarios educativos dispoñibles, así como resolver dúbidas e inquedanzas que poidan xurdir neste proceso.
Desde o IES de Foz convidan a todas as familias interesadas a asistir e participar nesta xornada de orientación, que “pretende servir de apoio nun momento crucial para o desenvolvemento académico e profesional do alumnado”.