A Asociación As San Lucas de Mondoñedo informa que “tristemente” este ano non poderán celebrarse as tradicionais Feiras e Festas das Quendas ante a situación que se está a vivir a causa da pandemia do Covid-19.
Dende a Asociación organizadora das Feiras e Festas consideran que o “prioritario neste momento é garantir a saúde e o benestar” tanto dos veciños e veciñas como dos “visitantes que anualmente se desprazan ata esta cita festiva”, que reúne en Mondoñedo a centos de persoas, atraídos por un completo programa de actos.
A organización envía “un forte agradecemento” a todos os profesionais “que día tras día están na primeira liña loitando contra esta pandemia e primando a nosa saúde e benestar”. A asociación traslada do mesmo xeito as súas condolencias a todos os familiares e amigos das persoas que lamentablemente perderon a vida por esta enfermidade e envía “ánimo e ilusión a toda a poboación”.
A Asociación As San Lucas “mira ao futuro”.“Seguimos traballando. Esperamos vervos a todas e a todos con saúde nas San Lucas, e que sexan coma sempre lugar de encontro, feira, festa, tradición e cultura”.