Mondoñedo celebrará o XXIX Mercado Medieval, unha edición simbólica, os días 13, 14 e 15 de agosto. Unha edición aínda marcada pola pandemia polo que conta cun protocolo de seguridade, co fin de cumprir totalmente as medidas sanitarias de prevención fronte aos contaxios da covid-19.
Polo tanto, non haberá actividades de degustación gastronómica e existirá unha ambientación simbólica cun marcado carácter histórico e cultural que inclúe actividades na Praza da Catedral.
O sábado 14 de agosto ás 11.45 terá lugar o pregón que correrá a cargo de Javier Gómez Darriba, doutor en Historia de Arte. Dito pregón realizarase desde o balcón da antiga Casa do Concello, situada na Praza da Catedral.
O goberno municipal destaca a instalación, levada a cabo nos últimos días, dunhas placas de bronce onde se situaban as portas de entrada da muralla medieval, seis máis un torreón, á cidade. Estas portas son as seguintes: Porta da Fonte, Porta de Batitales ou de Santo Domingo, Porta da Rúa Nova, Porta de Ferreiros ou das Angustias, Porta Nova ou do Perexe, Porta do Pumar ou da Cruz e Torreón ou Turrillón. Con esta actuación amplíase a parte patrimonial e cultural de Mondoñedo, poñendo en valor unha época importante e sacando á luz partes oscuras da historia local mindoniense.
En relación aos postos de venta, son 26 os habilitados que terán a súa ubicación marcada previamente, cunha distancia de seguridade de 3 metros entre cada posto e cumprirán con todas as medidas marcadas polas autoridades sanitarias e polo protocolo de seguridade aprobado para esta edición do Mercado Medieval de Mondoñedo.
O Concello de Mondoñedo agradece á asociación Pasatempo toda a súa aportación constante, compromiso e colaboración coa posta en valor da historia da cidade e co Mercado Medieval.