A comisión de festas da Virxe dos Remedios e o cura párroco do Santuario, Pedro Díaz, presentaron a programación das festas patronais que se desenvolverán o sábado 14, domingo 15 e luns 16 de setembro, festivo local.
O sábado o parque da alameda será o escenario da actuación do Dúo Zafiro e pola noite tocará a orquestra Magma, considerada unha das mellores de Portugal e que actuará por primeira vez nesta comarca. Esa mesma xornada está previsto o evento DJs no Camiño, co patrocinio de Radio Líder e da Xunta de Galicia, así como tamén a XII edición de Cantos de Taberna.
O domingo é o día principal, coa ofrenda presentada este ano polo alcalde de Ortigueira, á que seguirá a tradicional procesión coa imaxe da virxe acompañada pola Banda de Gaitas de Ladrido. A orquestra Pontevedra, así como a comparsa XX, serán as encargadas de animar musicalmente este día.
As festas rematarán o luns 16 de setembro, Luns dos Remedios e festivo local, coa misa de cofrades ás 12,30 horas e posteriormente sesión vermú co grupo Tania Veiras.
Desde a organización destacan a aposta pola programación infantil, con espectáculos como Mari Faltri Picadiscos, xogos populares, festa da bicicleta ou o Día do Neno con descontos nas atraccións. Quixeron remarcar tamén o seu agradecemento aos veciños e negocios polas súas achegas económicas, así como ás administracións colaboradoras, “moi necesarias para manter viva entre todos esta tradicional celebración mindoniense”.