Mondoñedo acolle do 30 de maio ao 1 de xuño unhas xornadas sobre os camiños de Santiago en Galicia

Mondoñedo acollerá desde o xoves 30 de maio ata o sábado 1 de xuño unhas xornadas tituladas “Os Camiños de Santiago en Galicia. O seu coñecemento e divulgación”. Están organizadas pola Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEGAC).

As actividades comezarán o xoves 30 ás 20:00 horas no auditorio municipal Pascual Veiga cun saúda institucional. A continuación terá lugar a proxección do documental “Elías Valiña, o inventor das frechas amarelas”, de Aser Álvarez, e despois haberá un coloquio. E para as 21:00 horas está programado un concerto da Banda de Música Pascual Veiga, de Mondoñedo.

O venres 31 haberá un roteiro pola variante marítima do Camiño Norte de Santiago, que sairá da Alameda dos Remedios, de Mondoñedo, ás 09:30 horas.

E o sábado 1 de xuño as actividades desenvolveranse no Pazo Santomé, de Mondoñedo. Ás 11:00 horas terá lugar a asemblea aberta da FEGAC; ás 12:00 horas haberá unha reunión con representantes doutros colectivos e institucións xacobeas e ás 14:00 horas será a clausura oficial das xornadas. Pero as actividades continuarán ás 14:30 horas cunha romaría e xantar na área recreativa da Fervenza. Ás 16:30 horas disputarase un torneo da chave por parellas e de 19:00 a 21:00 horas haberá unha actuación musical a cargo de Louband Street nas prazas do Concello e da Catedral.