A Mancomunidade de Concellos da Mariña organiza unha visita en barco ata o Fuciño do Porco o 25 de agosto

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense retoma a programación de actividades de Xeoturismo, posto en marcha o pasado mes de decembro a través do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

O 25 de agosto terá lugar unha xeoruta en barco ao Fuciño do Porco desde Viveiro, guiada polo xeólogo Fran Canosa. Esta actividade volverá programarse en setembro con data pendente de confirmación. 

O acceso ao Fuciño do Porco desde a terra ata ese punto a través das populares pasarelas está pechado actualmente e ata novo aviso, polo que esta actividade é unha proposta única para poder coñecer de preto o Fuciño do Porco desde a perspectiva que tiñan os mariñeiros que o bautizaron con este nome, coñecer e entender moito mellor a súa formación e paisaxe.

Esta ruta xeolóxica comezará no porto de Viveiro, desde onde os participantes embarcarán nunha lancha que os levará a través da ría de Viveiro ata este peculiar lugar, pasando por fermosas praias e cantís.

A visita a este promontorio é unha oportunidade única para conectar coa natureza e descubrir un dos tesouros de Galicia.

Cova do Rei Cintolo, Xove e A Frouxeira 
En setembro, con data pendente de confirmación, terá lugar a visita á do Cova do Rei Cintolo en Mondoñedo. Esta é a cova visitable máis grande de Galicia e unha marabilla natural moi apreciada polos xeólogos. Para o 8 de setembro está prevista a xeoruta Xove, unha ollada baixo a alfombra, que estará dirixida polo xeólogo Fran Canosa. Nesta xeorruta terase a oportunidade de observar o aspecto das rochas nas profundidades da codia terrestre. Unha mestura de rochas ígneas de todas as composicións, deformadas a altísima presión e temperatura, intruíndose entre si e no encaixante metamórfico. E o 22 de setembro, da man do xeólogo Iván Rodríguez, haberá unha visita guiada á Frouxeira, entre Foz e Alfoz. Neste percorrido xeolóxico os participantes poderán coñecer o domo granítico da Frouxeira, un lugar singular con connotacións históricas debido á existencia, tempos atrás, da fortaleza da Frouxeira, obxecto de asedio e destrución tras a derrota do Mariscal Pardo de Cela. 

Todas as actividades de xeoturismo son gratuitas e están abertas ao público, pero é preciso anotarse previamente a través este enlace: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo

Xeoturismo para coñecer A Mariña 
Desde a Mancomunidade explican que “A Mariña conta cun patrimonio xeolóxico moi relevante en distintos lugares do territorio, desde a costa ao interior. De feito, nos últimos anos, este patrimonio lévase poñendo en valor coa organización de xeorutas por parte dos concellos e tamén con actividades organizadas pola propia Mancomunidade, que resultan moi exitosas, tendo unha gran demanda e participación do público. As visitas á Cova do Rei Cintolo e ao complexo histórico e recreativo das Minas Consuelo e Boulloso son cada vez máis valoradas e demandadas polo público en xeral como un modo de iniciarse na espeleoloxía e no xeoturismo. Ademais destas actividades destinadas a un público máis xeralista, desde fai un tempo tamén se comezaron a ofrecer actividades máis esixentes e de nicho – coma as Mareas Vivas As Catedrais, a baixada ao nivel -1 da Mina Consuelo ou a visita ao río da Cova do Rei Cintolo, que tamén gozan dunha importante demanda de público”.

Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, referiuse a esta actuación: “o obxectivo xeral do PSTD na Mariña é o de impulsar un desenvolvemento turístico sostible, poñendo en valor o noso patrimonio cultural e natural para afrontar o reto demográfico; especialmente nas áreas rurais dos municipios. Con esta actuación trátase de alcanzar un uso sostible dos recursos turísticos, crear e consolidar produtos con recursos endóxenos e de calidade, que contribúan á desestacionalización, á distribución dos fluxos turísticos, así coma á cohesión do destino. E creo que seguindo esta liña de traballo con esta e outras accións do plan, pouco a pouco, imos poder conseguilo”.

Este programa de xeoturismo iniciouse en decembro de 2023 e mantivo programación mensual durante os seguintes meses ata principios de xullo cando os Concellos de xeito particular organizaron uns completos programas de visitas e rutas guiadas da man de guías expertos e locais. A Mancomunidade retoma estas actividades para finais de agosto e para o mes de setembro, con interesantes propostas que permiten descubrir e gozar o territorio.