A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense pon en marcha dous cursos de formación gratuíta dirixida a axentes turísticos do territorio, en activo ou desempregados vinculados ao sector. Esta formación que se desenvolve grazas ao Convenio firmado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, faise en colaboración co IES de Foz. Serán os docentes de Hostelería e do departamento de inglés deste centro os encargados de transmitir o coñecemento e experiencia aos asistentes.
Dende a Área de Turismo da Mancomunidade da Mariña Lucense considérase que a formación é un factor determinante na actividade do sector turístico para adaptarse a todos os cambios que se veñen producindo na sociedade en xeral e no turismo en particular. Con esta iniciativa preténdese dar unha resposta axeitada, antes da tempada alta, a moitas das necesidades formativas do sector e dotar aos axentes turísticos, das ferramentas, métodos e información necesarias para adecuarse ás condicións cambiantes do mercado actual e así asegurar o éxito e calidade do conxunto do territorio como destino turístico.
O primeiro curso denomínase Taller de Inglés básico para axentes turísticos, será de oito horas repartidas en catro xornadas e terá dúas edicións, unha en Viveiro con comezo o 29 de maio e outra en Foz con comezo o 3 de xuño.Trátase dun curso práctico de iniciación á lingua inglesa que ten por obxecto mellorar a comunicación entre visitantes e axentes turísticos do xeodestino A Mariña Lucense, a través da práctica de conversas específicas relacionadas coa recepción, atención e xestión das demandas dos visitantes. Está dirixido a persoas en contacto cos visitantes e peregrinos en diversos ámbitos, desde os mais tradicionais como aloxamento, restauración e información turística, ata policía local, taxis, comerciantes ou artesáns que teñan necesidades básicas para a comunicación en inglés.
A segunda proposta é o Curso práctico para a mellora da oferta gastronómica en produto local, enfocado principalmente ao persoal de cociña está dedicado ao fortalecemento e aposta polo produto local e a tradición como efecto diferenciador da gastronomía do territorio. Serán 3 clases prácticas de 3 horas de duración cada unha. Na primeira centrarase na ampliación e diversificación da oferta vexetariana apostando polo produto local, saber que ofrecerlle a eses clientes que consumen só vexetal e cociñado de varias propostas. A segunda clase mostrará como deseñar e redactar a carta dos establecementos que ofrecen restauración, lexislación que aplica, viños e sobremesas, alérxenos e a xestión económica da carta. E finalmente, a terceira clase mostrará alternativas de uso do produto local e de tempada, cociñando varias propostas en formato tapas e con marcado interese en representar os produtos tan diversos que ofrece o mar na Mariña.
Os cursos serán realizados en dúas ubicacións para ofrecer posibilidade de asistencia a todos e todas @s interesad@s, sendo o mesmo contido nos dous lugares, excepto o de cociña vexetariana que por motivos organizativos só terá lugar nunha das ubicacións. Para solventar este tema será impartido en dous días diferentes. Os concellos onde se impartirán son Foz e Viveiro.
TALLER DE INGLÉS BÁSICO PARA AXENTES TURÍSTICOS (de 18:00 a 20:00 horas)
Viveiro (Aula CEMIT. Claustros de San Francisco)
29 e 30 maio
5 e 6 xuño
Foz (IES Hostelería Foz)
3 e 4 xuño
10 e 11 xuño
CURSO PRÁCTICO PARA A MELLORA DA OFERTA GASTRONÓMICA EN PRODUTO LOCAL (de 17:00 a 20:00 horas)
Foz (IES Hostelería Foz)
3 e 4 xuño Clase Oferta Vexetariana (*esta clase só será en Foz e repite contidos)
10 xuño Clase Deseño Carta
17 xuño Clase Ecogastronomía
Viveiro (Casa do Forno, Celeiro)
11 xuño Clase Deseño Carta
18 xuño. Clase Ecogastronomía.
MAIS INFORMACIÓN
formacion@amarinalucense.gal
CURSO INGLÉS Tfn + 653 560 815 (Claudia del Pino)
CURSO PRODUTO LOCAL Tfn + 617 461 723 (Lucas Requejo)
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Alfredo Llano, dixo hoxe que “a iniciativa da Mancomunidade de realizar formación a axentes de turismo, aquilo que sexa bo para aumentar o nivel para que veña moita xente a facer turismo á nosa mancomunidade, paréceme que é unha idea extraordinaria porque é demandado. O sector turístico relacionado coa restauración, cos hoteis… está demandando unha formación específica para mellorar e ofrecer aos turistas o mellor servizo posible. Polo tanto imos iniciar o 29 e 30 de maio unha serie de actividades formativas, por un lado dedicadas a cursiños de inglés e por outro para ofrecer, desde o punto de vista gastronómico, os mellores produtos e oferta gastronómica que temos na zona”.
Llano lembrou que “xa tivemos unha experiencia, grande hai dous anos, da Mancomunidade xunto coa Federación de Comercio A Mariña e o IES de Foz, que é un dos lugares onde se vai volver realizar esta actividade, na que se viu a efectividade destes cursos. Houbo moita xente para formarse sobre todo en presentación de cartas e mellora do servizo para atender en diferentes idiomas. Estivemos aí apoiando ao sector para ofrecer o mellor servizo posible á xente que nos visita e aumentar as posibilidades de animar a moita xente doutros países a que veña á Mariña. Esa experiencia foi moi boa, realmente mereceu a pena e por esa razón volvemos repetila e esperemos que se sume moita xente que poidan vir e disfrutar de aprender moito e chegar a conclusións que poidan ser útiles no futuro. Vaise realizar no IES de Foz outra vez con profesores do centro porque hai hostalería e idiomas, polo tanto non vai haber ningún problema. Queremos que dea bo resultado e a Mancomunidade serva para aumentar as posibilidades turísticas da comarca da Mariña”.
E desde o IES de Foz o seu director Nicolás Asensio destaca a colaboración do IES de Foz coa Mancomunidade e con calquera dos concellos da Mariña Lucense: “que este tipo de colaboracións en formación sexan a través da Mancomunidade ou cos concellos individualmente sempre son positivas para o territorio”.