A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, deu a coñecer esta mañá, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, as fotografías gañadoras do XI concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2021”.
O xurado profesional decidiu, con 51 puntos, que a fotografía "Blessed" de Juan Barreiro, e natural Dos Blancos (Ourense) acadase o primeiro premio.
En segunda posición quedou a instantánea "Reflexos do Faro", obra do xovense Emilio Pérez, que sumou 50 puntos, e que tamén se fixo co premio Top Cervo, á mellor instantánea tomada nalgún punto do noso municipio.
O premio componse de figuras de cerámica de Sargadelos.
En total participaron no certame 41 fotos, realizadas por 22 participantes, procedentes de ata 14 concellos diferentes de Galicia, e ademais tamén houbo representación madrileña e asturiana.
Os participantes podían presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, tiñan que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio.
Méndez agradeceulle a todos os participantes "que quixesen compartir con todos nós a súa particular visión do medio a través da súa óptica".
A edil explicou que decidimos seguir adiante co concurso a pesar da pandemia aínda que tivemos que mudar un pouco as condicións para poder facelo compatible coa situación sanitaria que vivimos desde fai máis dun ano.
De feito, a X edición deste certame tan arraigado no noso Concello, xa foi excepcional, convocámola un pouco máis tarde do habitual e o xurado agora delibera de xeito telemático.
O obxectivo que perseguimos é poñer en valor o noso patrimonio natural e promover a concienciación medioambiental, "e penso que se están dando pasos importantes nesta liña", apuntou.
A entrega de premios, cuxa data aínda está por determinar, queda suxeita ás medidas sanitarias establecidas.