A IV Carreira Popular Maruxaina celebrarase en San Ciprián o 20 de xullo

As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario da IV Carreira Popular Maruxaina, o próximo 20 de xullo, sábado, organizada polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.

A cita deportiva, puntuable para o circuíto de carreiras Duacode Run Foz Run 24, foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; polo concelleiro Alfredo Fernández e por varios integrantes do Club Deportivo na propia instalación na que se celebrará o evento. Será a partir das 11:00 horas, sobre un circuíto de 200 metros para pitufos; 500 metros para benxamíns; 1.000 metros para alevíns; 1.609 metros para infantís e cadetes; e de 5.000 metros para a proba absoluta. A saída e a meta estará nas instalacións deportivas da Veiga e transcorrerá por un circuíto mixto, polas rúas de San Ciprián e o paseo do Torno.

As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir a través da ligazón https://sportmaniacs.com/.../iv-maruxaina---san-ciprin nas diferentes categorías, ata o 17 de xullo ás 23:59 horas.

Desde o Concello de Cervo animan aos afeccionados e profesionais do atletismo a que se anoten a esta carreira, que “é unha oportunidade para desfrutar destas instalacións privilexiadas e tamén de descubrir doutro xeito a beleza do litoral do noso concello”.

A organización obsequiará cunha camiseta técnica aos/ás 250 primeiros/as inscritos/as.